En colaboración co Grupo de investigación SEPA, e contando co orzamento da Obra Social La Caixa, dende Aliad Ultreia fixemos unha aposta decidida pola animación sociocultural como estratexia educativa impulsora da convivencia e participación comunitaria na cadea.
Cos antecedentes postos nunha experiencia piloto do ano 2011, no 2013 iniciamos un proceso de Investigación-Acción-Participativa no que se implicaron os diferentes colectivos que compoñen a cadea. Presos, directiva, equipa técnica, persoal de vixiancia e entidades externas, analizaron a súa realidade de vida e convivencia co obxecto de transformala.
Tomando como base os resultados deste estudo e as propostas que aportaron os membros da comunidade, un Comité Mixto composto por representantes de todos estes colectivos, elaborou un Plan de Animación Sociocultural que buscou: mellorar a información e coordinación dos programas que se desenvolven na cadea; incrementar as posibilidades de participación en prisión; e abrir a prisión á comunidade da que forma parte.
Unha experiencia innovadora desenvolta no centro penal de Monterroso, que conta coa colaboración de toda a comunidade penitenciaria pero tamén dunha cidadanía que aposta por reducir os muros da prisión.
Coñece máis sobre esta experiencia na nosa web de voluntariado e anímate a participar!
http://ongaliad.wixsite.com/voluntariado/asc-na-prision
Recentemente a Revista de Educación Social (RES) publicou un artigo sobre este proxecto. Para ver dito artígo, premer no seguinte enlace:
http://www.eduso.net/res/22/articulo/-construyendo-convivencia-intercultural-un-programa-de-animacion-sociocultural-en-el-centro-penitenciario-de-monterroso-
(Actualización do 2 de marzo de 2016)