Quen Somos

Quen Somos

Misión

Aliad Ultreia somos unha asociación de Lugo que traballa na mellora das condicións de vida de persoas con problemas de adiccións, persoas reclusas e ex-reclusas e mulleres vítimas das diferentes formas de violencia de xénero -entre elas a prostitución- e as súas fillas e fillos.

Dende unha abordaxe interdisciplinar, traballamos tanto no acompañamento integral á persoa como na transformación de contextos e na promoción do cambio social.

 

Visión

Queremos que a nosa forma de traballo fale por nós, e ser un referente na atención a estes colectivos dende un enfoque de acompañamento sensible á individualidade da persoa, baseado na confianza, no coidado e no respecto aos seus tempos e proxecto de vida.

Ademais, buscamos que nos caracterice a nosa mirada crítica, ser unha asociación dinámica en aprendizaxe permanente, quen de xerar enfoques e propostas transformadoras, esixente con nós mesmas e coa labor das administracións públicas.

Para elo, proxectámonos como unha entidade honesta, coherente cos principios que defende, que coida da súa equipa profesional, das persoas socias e do voluntariado, enfatizando a nosa dimensión asociativa.

Queremos ser un espazo de participación cidadá, de educación, sensibilización social e traballo en rede, todo elo coa mirada posta no horizonte social que nos move: unha sociedade xusta e igualitaria, garante de dereitos e centrada no coidado da vida.

Valores

Enfoque de xustiza social e de dereitos, no que as persoas son consideradas axentes principais do seu propio desenvolvemento, e dende o que se promove a mellora das nosas sociedades dende a corresponsabilidade, a cohesión, a participación e o traballo en rede.

Feminismo, traballando dende esta teoría e movemento social en todos os ámbitos  para transformar e rachar coas relacións de poder e a subordinación das mulleres, atendendo as súas causas, mudando as institucións sociais encargadas de transmitir e lexitimar os valores e as representacións que permiten perpetuar as prácticas sociais de discriminación, poder, violencia e sumisión cara as mulleres.

Compromiso e ética profesional, cun elevado nivel de implicación respecto ás realidades de vida coas que traballamos e os principios e valores que defendemos.

A transparencia, honestidade e responsabilidade social, no uso de recursos económicos e na xestión da entidade e dos seus proxectos; xunto coa confidencialidade respecto aos datos persoais e realidades de vida das persoas coas que traballamos.

Descargar tríptico

Tel/Fax. 982 25 19 48
Rúa Milagrosa 99 - 101 Entlo. (Lugo) - Email. info@aliad.org
Onde atoparnos