Este ámbito é fundamental no accionar da entidade, entendendo a intervención como un continuo que debe incidir nas causas das problemáticas coas que traballamos. Buscamos fomentar a sensibilización , a participación cidadá, e incidencia social en relación a temas invisibilizados ou non abordados.
Esta área conta cunha forte presencia do voluntariado da entidade, que participa dende o inicio, dende as labores de planificación das campañas ata á mobilización social.
Todos os anos participamos en accións comúns con outras entidades e organizamos e elaboramos materiais e campañas, que difundimos nas nosas redes sociais e en accións de rúa, en días conmemorativos. Podedes atopar algúns deles nos nos links que aparecen nas imaxes.
Dentro da campaña #ExplotaciónSexualEViolencia, elaboramos o video "Por que son abolicionista" onde once homes se posicionan como abolicionistas da prostitución mostrando o seu rexeitamento a esta forma de violencia machista.
A través de nove viñetas a campaña #ExplotaciónSexualÉViolencia ten como finalidade visibilizar a explotación sexual como unha forma de violencia machista.
Ponse a mirada sobre a realidade que hai detrás dos mitos que seguen a reproducirse en torno á prostitución, que buscan normalizar a existencia de puteiros e minimizar os efectos e consecuencias que ten na vida das mulleres e na sociedade a súa explotación sexual.
No Día Mundial do Sida 2019 saímos á rúa en Lugo para saber que coñecementos e mitos en torno o VIH-SIDA seguen presentes na cidadanía.
Co gallo do 8M e o Paro Internacional de Mulleres de 2018, levamos a cabo un Mannequin Challenge na Praza da Milagrosa en Lugo para visibilizar o lema do paro "Se as mulleres paramos, detense o mundo"
Tamén as traballadoras e voluntarias de Aliad Ultreia fixemos un mannequin Challenge nas nosas oficinas e invitamos a participar a outros comercios e empresas do barrio que colaboraron facendo o seu propio video.
Xunto a Cáritas Lugo e a Asociación Bonhomía levamos a cabo unha acción na rúa e bares da cidade para sensibilizar sobre a realidade de explotación sexual que hai detrás dos anuncios por palabras dos xornais, unha realidade que está ante os nosos ollos pero que non vemos.
Nesta acción repartimos e pegamos o anuncio da imaxe nas seccións de anuncios dos xornais de centros públicos e bares da cidade de Lugo.