A asociación fúndase no ano 1984, na cidade de Lugo, coa intención de informar da gravidade do problema das drogodependencias e atender ás necesidades que se xeraban. Era un momento de gran convulsión social, que levou a que profesionais de diferentes ámbitos (mediciña, psicoloxía, educación...), se organizaran para crear a Asociación Lucense de Información e Axuda ao Drogodependente (ALIAD).
Debido a súa labor, a entidade converteuse en referencia a nivel nacional en materia de drogodependencias. O seu fundador e presidente, Manuel Varela Veiga, proclamado "Lugués do ano” en 1990, foi membro fundador e presidente de ASPODROGA (Asociación Galega de Profesionais para o Estudo e Investigación das Drogodependencias), membro fundador e presidente de FEGAD (Federación Galega de Asociacións e entidades de Atención ao Drogodependente), secretario de UNAD (Unión Nacional de Asociacións de Axuda ao Drogodependente) e membro de distintas sociedades científicas tales como SET (Sociedade Española de Toxicomanías), SOCIDROGALCOHOL (Sociedade Científica Española de Estudios sobre Alcohol e outras Toxicomanías), etc. Era o momento en que a ampla rede de atención ás drogodependencias que temos hoxe en día comezaba a articularse. |
Nun principio, o ámbito de actuación era a prevención e tratamento de persoas con trastornos aditivos, para posteriormente e a raíz de constituirse o Plan Galego Sobre Drogas, pasar a especializarnos na área incorporación social e comezamos a traballar tamén nos centros penais da provincia de Lugo. Actualmente o traballo nas prisións diríxese a toda a poboación penitenciaria, a través de propostas diversas que atenden ás persoas presas, nos permisos penais, e nos primeiros momentos en liberdade.
A nosa mirada crítica, dinamismo e actitude de aprendizaxe permanente, permitiunos seguir dando resposta ás necesidades sociais que xurdían na nosa contorna. Así, no 2009, ampliamos a nosa labor á atención de mulleres vítimas de trata e explotación sexual para, posteriormente, ampliar o ámbito á atención a todas as demais formas de violencia machista. Hoxe, neste ámbito tamén desenvolvemos accións educativas e de sensibilización, debido a grande importancia que ten a prevención.
O cambio de nome no ano 2010, de ALIAD a Aliad Ultreia, reflectía esa ampliación dos nosos retos e ámbitos de actuación. Unha entidade comprometida cos dereitos das persoas, con moito andado... e moito por andar.
En 2006, a Xunta de Galicia declara a Aliad entidade de interese Galego en materia de drogodependencias. (Orde do 19 de setembro de 2006, publicada no DOGA do 6 de outubro de 2006).
En 2014, Aliad Ultreia obtén a declaración de utilidade pública, feito que, ademais de recoñecer a importante labor da entidade, permite acollerse a lei 49/2002.