Dentro del programa Aliadas calquera muller en situación de dificultade pode achegarse pola entidade para unha entrevista de acollida na que valorar a súa situación e ofrecerlle a axuda máis adaptada a súa realidade (asesoramento xurídico e social, incorporación aos nosos programas ou derivación a un recurso máis adaptado).
Dentro dos nosos programas ofrecemos:
Proxecto Senlleiras
Este proxecto está especializado na detección e abordaxe dos diferentes xeitos de violencias machistas. A finalidade do proxecto é detectar e atender a mulleres que están a sufrir calquera das violencias machistas (violencia na parella, sexual, explotación sexual…) co fin de facilitarlles información, asesoramento, apoio e asistencia.
A través dun itineraro personalizado acompañamos ao longo de todo o proceso (información, denuncia, declaracións xudiciais, apoio en trámites, busca de recursos, apoio psicolóxico…) ás mulleres e as/os súas fillas/os menores.
Esta iniciativa está financiada a través da convocatoria de subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e está cofinanciada pola Unión Europea co obxectivo de fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación na que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Proxecto Donas
Desde o ano 2010, vénse traballando para abordar unha das formas máis invisibilizadas de violencia de xénero: a explotación sexual, centrando a acción na defensa dos dereitos das mulleres vítimas desta violencia de xénero e a sensibilización á sociedade.
Traballamos a través de itinerarios integrais, con atención e acompañamento social, psicolóxico, xurídico, sanitario e laboral.
A maiores destes servizos, realizamos:
- Visitas a lugares de exercicio da prostitución (clubs, pisos por toda a provincia e barrio da Tinería en Lugo), buscando establecer contacto coas mulleres en situación de prostitución e crear un vínculo de confianza con elas para que, en caso de necesitalo, acudan á asociación. Nestas visitas levamos a cabo diversos talleres sanitarios e repartimos material preventivo.
- Atención e mediación sociosanitaria: Desde a entidade realizamos a proba rápida de VIH en saliva, xestionamos as citas para a realización de probas de ITS e probas xinecolóxicas e realizamos acompañamentos sanitarios.
- Casa de acollida a mulleres vítimas de trata e explotación sexual: Contamos cunha vivenda dirixida a mulleres e as súas crianzas que, tras abandonar a situación de prostitución e/ou explotación sexual, precisan dun período de restablecemento e re-deseño do seu proxecto persoal e da súa posta en marcha.
Aliad Ultreia foi beneficiaria da convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para atención integral de mulleres vítimas de explotación sexual e trata 2024, cofinanciado pola Unión Europea.
(O obxectivo principal destas axudas é convocar para o ano 2024 as subvencións ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes, e/ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral, na Comunidade Autónoma de Galicia. O resultado que se pretende acadar é apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas)
Proba rápida do VIH
Somos unha das entidades acreditas para facer a proba rápida de VIH en fluído oral.
Trátase dunha proba:
- sinxela, que se realiza con saliva
- anónima e confidencial
- gratuíta e
- rápida, os resultados coñécense en 20 minutos.
Os resultados da proba só son válidos se son realizados pasados tres meses dende a última práctica de risco. Este espazo de tempo é o que tarda o organismo en xerar os anticorpos para o VIH que son detectados polo líquido reactivo.
Somos un centro colaborador coa Dirección Xeral de Innovación e Xestión de Saúde Pública (DXIXSP) e contamos no noso local coa infraestrutura e as profesionais axeitadas para a realización da proba rápida reactiva e para dar un consello asistido pre e post-proba.
A realización de probas de detección son fundamentais para mellorar a calidade de vida das persoas que teñen o VIH. Un terzo das persoas que están infectadas polo VIH descoñecen que o están e por isto poden evolucionar a formas máis graves da enfermidade, perdendo a oportunidade de recibir tratamento médico axeitado. Tamén poden transmitir, sen darse conta, o VIH as súas parellas sexuais.
Esta proba está especialmente destinada a persoas que tiveron prácticas de risco para contraer o VIH. Lembra que a mellor estratexia para protexerse contra o VIH consiste na práctica de sexo seguro mediante a utilización de preservativos nas relacións sexuais anais, vaxinais e buco-xenitais.
Programa Bravas
Desde o ano 2023 este programa ofrece asesoramento xurídico e orientación laboral a mulleres en situación de explotación laboral, discriminación, precariedade ou economía sumerxida para o acceso a un emprego digno.
Atendemos a mulleres migrantes en situación de vulnerabilidade que realicen consultas e precisen apoio para o acceso e/ou mantemento dun emprego digno ou para exercer os seus dereitos en materia laboral se estes fosen vulnerados.
Dentro das actividades realizadas deseñouse unha guía contra a explotación laboral que se entrega a todas as mulleres que participan no programa. Ademais esta guía difúndese entre o resto de colectivos que atendemos así como entre a poboación en xeral.
Pódese acceder a esta guía a través de este enlace
http://www.aliad.org//Userfiles/Guia_contra_a_explotacion_laboral_en_galego_comprimida.pdf
Esta iniciativa está subvencionada pola Consellería de Política Social e Igualdade a través das axudas de IRPF dentro da liña de Acollemento, atención e asesoramento para mulleres en situación de vulnerabilidade.